Xentrificación na Zona Vella de Vigo?
Vigo é a cidade máis grande de Galicia, onde a actividade industrial continúa a ser o principal sector económico, aínda que se lle está a dar un importante pulo ao turismo e o comercio. O territorio municipal, bañado ao norte polo Atlántico, estrutúrase en tres grandes coroas. A máis externa, formada polas parroquias máis rurais, unha de transición e unha central formada polos barrios máis urbanos e que concentran a maioría da poboación. Nesta coroa máis interna atópase a zona vella da cidade, que corresponde, aproximadamente, ao núcleo preexistente que quedou rodeado polas murallas construídas a mediados do s. XVII para defender a cidade dos saqueos e que foron derrubadas apenas dous séculos despois.
A comezos do s. XX redactáronse diferentes plans, non executados, para a remodelación (baixo o principio de tabula rasa) e “hixenización” desta zona vella, unha idea presente aínda nos plans urbanísticos de comezos dos 70’. Porén, xa na década seguinte e nos 90’ apareceron novos plans cunha suposta visión máis respectuosa coas caracterísiticas sociais, históricas, arquitectónicas e urbanas e unha maior apertura á participación veciñal. Porén, na realidade, aínda que mediante o plan urban europeo se fixeron algunhas intervencións de caracter social, os plans de rehabilitación centráronse en urbanizar rúas e recuperar algún edificio destacado, deixando de lado as esixencias veciñais de axudas para a rehabilitación interior de vivendas, creación de equipamentos e intervencións para solucionar os problemas de infravivenda, paro e pobreza presentes no barrio.
Uns anos despois, no 2005, créase o Consorcio do Casco Vello. Este organismo, formado pola Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia (nun 90%) e o Concello de Vigo (nun 10%) ten como principal finalidade “servir de motor no proceso de rehabilitación integral do centro histórico da cidade viguesa”. Na práctica porén, esa rehabilitación”integral” limítase, basicamente, a mercar ou expropiar inmobles, rehabilitalos e devolvelos ao mercado en réxime de aluguer ou de compra e crear as condicións necesarias para facer do barrio un lugar máis atractivo para un novo tipo de habitantes, para o investimento privado e para o turismo. Xa non aparece o interese no social nin sequera na propaganda.
Se nos fixamos nos datos, o Consorcio tiña mercado na zona vella de Vigo a finais do 2014, 70 inmobles, dos que, polo de agora, 40 foron rehabilitados para uso habitacional e comercial e outros 10 transmitidos a outras institucións. En canto ao primeiro uso, isto traduciuse na creación de 91 vivendas, das que 5 se reservaron para realoxos, mentres 74 foron destinadas á venda (con prezos entre 67.000 e 109.000€ para pisos cunha única habitación e un máximo de 68m2) e o resto (apenas unha ducia) para aluguer. Un aluguer supostamente “social”, pero reservado só a xente nova (menores de 35 anos) e cun certo nivel de ingresos fixos, condicións a día de hoxe nada fáciles de cumprir (Galiza ten una taxa de emprego xuvenil do 41%). Hai que ter en conta, ademais, que a intervención do Consorcio fixo que tan só tres anos despois da súa creación, os alugueres e o valor do prezo das vivendas, no conxunto da zona vella, aumentasen un 150%.
Pero non só a través do acceso á vivenda se selcciona o novo tipo de habitantes desexados para esta nova zona vella. Tamén as actividades comerciais que poden acceder aos locais rehabilitados para esta fin (uns 20 polo de agora) son directamente escollidas polo Consorcio. Polo de agora, tendas de roupa “punk”, tendas de fotografía, estudos de arquitectura, tendas de produtos ecolóxicos e locais de hostalería.
Finalmente, os edificios destinados a outras institucións foron ocupados polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, a Oficina de Notificación de Embargos da Xunta de Galicia e o Museo de Fotografía do Concello de Vigo.
O escenario é, polo tanto, o dunha zona histórica degradada ao longo do tempo: o desenvolvemento industrial de mediados do s.XX, que atraeu ademais gran cantidade de poboación migrada doutras zonas de Galicia, que foi necesario reubicar mudando a distribución poboacional no municipio, xunto ao forte desenvolvemento urbano, foron alonxando o centro funcional da cidade do que era a antiga zona amurallada. Aquelas persoas que podían permitirse o gasto deixaron o barrio vello, onde o acceso con vehículos era compliado ou imposible, non existía transporte público, as vivendas eran antigas, en moitos casos pequenas e os equipamentos case nulos, para mudarse a lugares onde, a priori, disfrutarían de maiores comodidades. O abandono por parte do concello desta zona e a degradación das vivendas pola por falta de recursos dos propietarios nalgúns casos, e noutros por unha visión especuladora que buscaba a declaración de ruína, retroalimentou este exilio silencioso. Deste xeito, o barrio quedou envellecido e empobrecido, con núcleos de prostitución de burdel e, a partir dos anos 90, de consumo e venta de drogas.
Neste contexto de abandono, mitigado lixeiramente polos plans de rehabilitación de finais dos 90, entra en escena o Consorcio. Coa súa actuación, favorece a entrada de novos habitantes (xóvenes e de certo poder adquisitivo), novos negocios cunha clara orientación a un determinado público e ao turismo, e instalación de infraestruturas culturais e administrtivas. Todo isto cuberto por unha forte campaña publicitaria.
Pero por se estas actuacións non implicaban unha substitución da antiga poboación “marxinal” o suficientemente rápida, acompáñanse da expulsión directa das prostitutas mercando e pechando os burdeis onde exercían, da poboación xitana tamén mediante a compra e peche das vivendas que ocupaban e de toxicómanos e persoas sen fogar eliminando o centro de asistencia do que dispuñan no barrio e impondo unha forte presenza policial.
Como vemos, temos ante nós o proceso de abandono-revalorización-expulsión-substitución (por unha nova poboación de maior poder adquisitivo) que caracteriza os fenómenos de xentrificación 1 (neste caso mediado por institucións públicas), que ata o de agora nos parecían exclusivos de grandes cidades máis ou menos lonxanas como Barcelona, Bilbo ou Lisboa e que, desgrazadamente, polo de agora, non teñen que enfrontar unha oposición veciñal global que vaia máis aló da crítica a certas actuacións.
Xentrificacionvigo
xentrificacionvigo.blogspot.com
Notes:
- Este termo foi creado pola socióloga Ruth Glass para definir o proceso de expulsión da poboación pobre de certos lugares de Londres pola creación de guetos de clase alta. Dende os anos 80 tense dado dentro da academia un vivo debate arredor deste concepto; cales son as súas orixes, axentes implicados, diferentes tipoloxías, etc. Pero foi sobre todo dende principios do século XXI, no noso entorno máis próximo, cando os movementos sociais comezaron a integralo no seu discurso, co obxectivo de analizar e denunciar un proceso que estaba observando xa de xeito directo. ↩
É melhor ajudar o autor galego a corrigir o seu texto. Assim algumas ideias ficam por perceber. Era preferível ficar escrito em galego. Misturar galego com português não resultou.